O espectáculo, baseado no libro homónimo da periodista Montse Fajardo, relata sete casos de violencia machista.
Grazas ao patrocinio da Deputación da Coruña, materializado co premio Luisa Villalta a proxectos de Igualdade; e coa colaboración dos concellos de Ames, Carballo, A Coruña e Narón, estudantes da ESO e Bacharelato asistirán nos auditorios destes catro concellos a unha función de Invisibles.
O espectáculo, coproducido polo Centro Dramático Galego, a Deputación da Coruña e a Concellaría de Igualdade do Concello de Pontevedra, está protagonizado por tres das actrices máis recoñecidas do panorama teatral e audiovisual galego: Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez.
A dirección foi a cargo de Marián Bañobre, a través dunha adaptación do libro homónimo da periodista Montse Fajardo, que relata sete casos reais de violencia machista vividos por mulleres galegas.