O espectáculo está protagonizado por Guillermo Carbajo, Roberto Leal, Belén Constenla, Mónica García, Machi Salgado e Rubén Porto baixo a dirección de Alex Sampayo.
Trátase da primeira adaptación ao galego dun texto do multipremiado dramaturgo Juan Mayorga, que recibiu por este libreto o premio Max ao mellor autor.
“O Mozo da última fila” preséntanos unha fonda reflexión cargada de ironía sobre a fascinación polas vidas alleas, a manipulación dos seres queridos e a lexitimidade de toda creación artística, que emprega como materia prima a nosa realidade.
A peza, que se move entre a realidade e a ficción, xira ao redor da relación dun profesor de literatura e un alumno, interpretados respectivamente por Roberto Leal e Guillermo Carbajo, enleados nun atípico tour de force literaria que acaba por derivar nunha sorte de xogo psicolóxico que afectará as súas contornas persoais. Xunto a Carbajo e Leal, subirán a escena Mónica García, Machi Salgado, Belén Constenla e Rubén Porto.
A compañía está a desenvolver unha residencia artística no Auditorio de Rianxo, a través dunha colaboración co Concello, coa fin de ultimar os detalles para a próxima estrea que se celebrará no Teatro Principal de Santiago de Compostela.