A compañía teatral, tras a suspensión da súa estrea en abril polo o estado de alarma, presentará finalmente en Santiago o 7 e 8 de xullo o seu novo espectáculo, primeira adaptación ao galego dun texto do prestixioso dramaturgo Juan Mayorga
A montaxe, dirixida e adaptada por Alex Sampayo, está protagonizada por Guillermo Carbajo, Roberto Leal, Belén Constenla, Mónica García, Rubén Porto e Machi Salgado.
Santiago, 22 de xuño.- Redrum Teatro retoma hoxe, tras os meses de suspensión da actividade escénica debida ao estado de alerta pola crise da covid-19, os ensaios do que será o seu novo espectáculo: O mozo da última da fila. Dirixida por Alex Sampayo, a montaxe converterase na primeira adaptación ao galego do prestixioso dramaturgo Juan Mayorga que, a través desta mordaz obra que a compañía estreará en Santiago os días 7 e 8 de xullo, nos presenta unha fonda reflexión cargada de ironía sobre a fascinación polas vidas alleas, a manipulación dos seres queridos e a lexitimidade de toda creación artística que emprega como materia prima a realidade que nos envolve.
Nese difuso límite entre ficción e realidade móvese O mozo da última fila, peza que xira ao redor dun profesor de literatura e un alumno, interpretados respectivamente por Roberto Leal e Guillermo Carbajo, que se enlean con complicidade nun atípico tour de force literaria que acaba por derivar nunha sorte de xogo psicolóxico que afectará as súas contornas persoais. Xunto a Carbajo e Leal, subirán ao escenario Mónica García, Machi Salgado, Belén Constenla e Rubén Porto. Este equipo artístico, ao que toca sumarlle a Davide González no espazo sonoro, María Illobre na caracterización e Jose M. Faro ‘Coti’ na escenografía e iluminación, retoma a residencia artística interrompida o 14 de marzo no Auditorio do Concello de Rianxo de cara á súa estrea, que terá lugar finalmente no Teatro Principal de Santiago os dias 7 e 8 de xullo. Redrum, ademais de dispor da inestimable colaboración do Concello de Rianxo, conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través das liñas de axuda á creación escénica.
Entre a literatura e a vida
O dramaturgo Juan Mayorga, académico da Real Academia Española e Premio Nacional de Teatro, tamén afonda en O mozo da última fila noutra serie de aspectos que serven de pano de fondo. Así, o autor fálanos do mundo educativo, da alienación cultural ou da clase media a través da historia de Xermán, un veterano e desmoralizado profesor de instituto que a principio de curso, pídelle ao seu alumnado que escriba unha redacción sobre a súa fin de semana.
De todos os traballos, chámalle a atención a calidade do texto de Claudio, estudante introvertido que non participa nin destaca, nin por arriba nin por abaixo. Na súa redacción, Claudio xoga coa ficción e a realidade a través da observación da familia dun compañeiro. Así comeza un relato por entregas entre alumno e profesor que acaba convertido nun xogo perigoso, tanto para eles coma para quen os rodea.
Redrum Teatro
A compañía Redrum Teatro funciona como unha empresa cultural dedicada á produción e á distribución de espectáculos e á edición de libros dende o ano 2009. Dende a súa fundación, a compañía levou a escena obras para o público familiar (Moito Conto, Roedores ou A nena que quería navegar) e diversos espectáculos para adultos, entre as que cómpre destacar Currículum vitae, Noiteboa, A canción do Elefante, Idiota ou Invisibles, montaxe esta última galardoada cos Premios María Casares á dirección, á iluminación e ao texto adaptado en 2019. Para a súa duodécima produción, Redrum escolle O mozo da última fila, obra de Mayorga galardoada co Premio Max que leva 26 adaptacións en todo mundo e que foi levada ao cine por François Ozon na fita gala Dans la maison (Concha de Ouro do Festival de Donostia, 2012).