INVISIBLES ESTRÉASE EN CASTELÁN

Este sábado 21 de novembro o Auditorio Ciudad de León acollerá a estrea en castelán de Invisibles

O espectáculo, baseado no libro homónimo de Montse Fajardo que relata sete historias reais de violencia machista, comeza a súa xira a nivel nacional cunha representación no Auditorio Ciudad de León o vindeiro sábado 21 de novembro ás 19.30 h.

Invisibles é unha coprodución entre Redrum Teatro, o Centro Dramático Galego, a Concellería de Igualdade do Concello de Pontevedra e a Deputación da Coruña. Está protagonizado por Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez baixo a dirección de Marián Bañobre.

Na edición do 2019 dos premios de teatro María Casares, Invisibles acadou os galardóns a Mellor Dirección, Mellor Iluminación e Mellor Adaptación; e tamén o premio Luisa Villalta a Proxectos de Igualdade concedido pola Deputación da Coruña.

Se ben o espectáculo tivo un grandísimo éxito en Galicia e xa percorreu case toda a súa xeografía, nos próximos meses poderá verse nos concellos de O Barco de Valdeorras, Brión, Padrón, Cariño, Cambre, Porto do Son e Zas.