OS CONTOS DO LOBICÁN

Estreamos espectáculo con catro funcións no Concello de Teo

A semana que vén estrearemos no Auditorio Constante Liste de Teo o noso novo espectáculo “Os contos do Lobicán”. Trátase dunha obra de monicreques escrita por Eva Mejuto e protagonizada por Guillermo Carbajo e Victoria Pérez baixo a dirección de Alex Sampayo.

Esta montaxe foi seleccionada nas axudas de creación escénica da Agencia Galega das Industrias Culturais na convocatoria deste ano 2024. Completan o equipo Davide González no espazo sonoro, Carlos Álvarez-Ossorio na iluminación, As Dúas e Punto na realización da escenografía e os monicreques e Nuria Díaz na ilustración do cartel.

Os días 16, 17 e 18 terán lugar no propio Auditorio funcións escolares para as alumnas e alumnos dos distintos colexios públicos do Concello. Estas funcións contan co apoio da Xunta de Galicia a través das axudas á distribución interior da AGADIC.

O sábado 19 ás 18:00 h. terá lugar a estrea para público xeral. As entradas, de balde ata completar o aforo, poden reservarse a través da páxina do Concello de Teo.