Redrum Teatro somos unha empresa cultural adicada á produción e distribución de espectáculos teatrais e á edición de libros infantís constituída no ano 2009.

Desde a nosa fundación apostamos pola produción de espectáculos de diferentes formatos, sempre cun coidado valor estético e artístico como marca persoal da compañía e coa clara vontade de fomentar o entretemento e a cultura en galego.

Conscientes dos numerosos poderes que ten o teatro como instrumento social, terapéutico e pedagóxico, traballamos con colaboradoras especializadas nos ámbitos da pedagoxía, da educación social e do feminismo para a creación de pezas teatrais cun forte carácter didáctico e reivindicativo.

Claros exemplos deste traballo son os nosos espectáculos familiares A Nena que Quería Navegar e Contos do recreo, que tratan de visibilizar e paliar as consecuencias do acoso escolar a través de técnicas de reforzo positivo e aumento da autoestima; ou o drama Invisibles, unha proposta próxima ao teatro documento que representa sete casos reais de violencia de xénero vividos por sete mulleres galegas.

Por outra banda, o noso interese polas dramaturxias contemporáneas levounos a poñer en escena os espectáculos A canción do elefante do canadense Nicolas Billon; IDIOTA de Jordi Casanovas; ou a máis recente O mozo da última fila de Juan Mayorga.

A nosas pezas teatrais foron variadas ao longo destes anos, nos que a compañía viviu unha intensa e enriquecedora evolución artística, que comeza coa estrea do noso primeiro espectáculo, A Pensión, que xa gozara dun grande éxito de público e crítica.

Redrum Teatro naceu hai máis dunha década con vocación de continuidade e coa intención clara de contribuir ao sector das artes escénicas galegas con alternativas creativas e de indubidable calidade.